Cales son os factores de risco para ter unha gripe complicada?

A idade: ter 60 ou máis anos ou menos no caso de persoas con patoloxías de risco
Estar ingresado nunha institución pechada (residencias de persoas maiores e outros centros de atención a crónicos)
O embarazo

A poboación a quen vai dirixida a campaña en función destes factores de risco é a seguinte:

Persoas con risco de complicacións

• Persoas de 60 ou máis anos, realizando especial fincapé na vacinación das persoas de 65 ou máis anos.

• Persoas de calquera idade residentes en institucións pechadas (residencias de persoas maiores e outros centros de atención a crónicos).

• Mulleres embarazadas en calquera trimestre da xestación.

• Nenos e adolescentes (de 6 meses a 18 anos) que reciben tratamentos prolongados de ácido acetilsalicílico, pola posibilidade de desenvolver unha síndrome de Reye.

• Persoas menores de 60 anos e maiores de 6 meses con algunha das seguintes patoloxías que presentan un maior risco de padecer complicacións derivadas da gripe:

- Enfermidades do sistema cardiovascular.
- Enfermidades respiratorias (inclúe asma, displasia broncopulmonar, fibrose cística..).
- Enfermidades neurolóxicas.
- Persoas con diabetes mellitus.
- Persoas con obesidade mórbida (índice de masa corporal ≥ 40 en adultos, ≥ 35 en adolescentes ou ≥ 3 DS na infancia).
- Enfermidades renal crónica e síndrome nefrótica.
- Hemoglobinopatías e anemias.
- Hemofilia e trastornos hemorráxicos crónicos, así como receptores de hemoderivados e transfusións múltiples.
- Asplenia ou disfunción esplénica
- Enfermidades hepáticas crónicas, incluíndo alcoholismo crónico.
- Enfermidades neuromusculares graves.
- Pacientes con inmunosupresión (incluída a causada pola infección por VIH, por fármacos -incluíndo tratamento con eculizumab- ou nos receptores de transplantes.
- Cancro e hemopatías malignas.
- Persoas portadores de implantes cocleares ou en espera.
- Persoas con fístulas de LCR.
- Enfermidade celíaca.
- Enfermidade inflamatoria crónica.

Nestes grupos farase un especial fincapé nas persoas que precisen seguimento médico periódico ou aqueles hospitalizados no ano previo.

Persoas que lles poden transmitir a gripe a persoas con alto risco de presentar complicacións

• Todos os traballadores de centros sanitarios, servizos e establecementos sanitarios, tanto de atención primaria como de especializada, públicos ou privados, con especial énfase naqueles que atenden a pacientes de alto risco.

• Estudantes en prácticas en centros sanitarios.

• Persoas que traballan en institucións pechadas ou en centros de atención a enfermos crónicos, especialmente as que teñan contacto continuo con persoas vulnerables.

• Persoas que proporcionan coidados domiciliarios a pacientes de alto risco ou a persoas maiores.

• Membros da familia e conviventes (incluídos nenos) de persoas pertencentes a grupos de risco.

 

Outras persoas nas cales se recomenda a vacinación

• Persoas que traballan en servizos esenciais para a comunidade: forzas e corpos de seguridade do Estado, bombeiros, protección civil, emerxencias sanitarias, traballadores de institucións penitenciarias e outros centros de internamento por resolución xudicial (centros de acollida de inmigrantes...)

• Traballadores expostos directamente ás aves domésticas ou porcos nas granxas ou explotacións avícolas ou porcinas e tamén ás aves silvestres. A finalidade é reducir a oportunidade dunha infección concomitante de virus humano e aviario ou porcino, diminuíndo a posibilidade de recombinación ou intercambio xenético entre ambos os virus.