Sobre a gripe?

Que é a gripe?
Como pode previrse?
Como se contaxia?
Que debo facer se penso que teño gripe?
En que período se pode contaxiar o virus?
Canto tempo sobrevive o virus?
 
 

Que é a gripe?
A gripe é unha enfermidade vírica, leve na maioría dos casos, que presenta os seguintes síntomas: pode aparecer febre igual ou maior a 38º -sobre todo os dous primeiros días-, tose, dor de garganta, dor de cabeza, dor muscular, malestar xeral, conxestión nasal, esbirros e, tamén, vómitos e diarrea.

Como pode previrse?
Mediante a vacinación. A gripe, e principalmente as súas complicacións, o risco de hospitalización e morte redúcese mediante a vacina, que debe administrarse ás persoas de 60 ou máis anos ou pertencentes a outros grupos de risco.

Como se contaxia?
O contaxio prodúcese persoa a persoa, principalmente a través das gotiñas de saliva e secrecións nasais que se expulsan ao tusir, falar ou esbirrar. Ademais, o virus pódese transmitir tamén indirectamente ao tocar algo que estea contaminado co virus da gripe e ao levar as mans aos ollos, o nariz ou a boca.

Que debo facer se penso que teño gripe?
A maior parte das gripes son leves. Se non ten factores de risco nin/ou signos de gravidade, quede na casa ata que remitan os síntomas ou consulte por teléfono (902 077 333). Se ten factores de risco acuda ao seu médico e lembre que é aconsellable vacinarse todos os anos.

En que período se pode contaxiar o virus?
O virus pode transmitirse desde 1 día antes de comezar cos síntomas ata 7 días despois, aínda que este período pode ser máis longo nalgunhas persoas.

Canto tempo sobrevive o virus?
A supervivencia do virus é:
    De varios minutos nas mans.
    En superficies duras, sen poros (plásticos, aceiro inoxidable...), máis dun día.
    En teas, papeis e panos, varias horas.

A gripe pode ser grave nalgún caso?
A gripe podería ser grave para algunhas persoas que presenten factores de risco. Nestas persoas é aconsellable a vacinación anual. Excepcionalmente podería ser grave en persoas sanas que non pertenzan a estes grupos.

Síntomas suxestivos de gravidade
Se presenta algún destes síntomas, busque asistencia médica de inmediato a través do 061:

Nos nenos:
    Respiración rápida ou dificultosa.
    Cor gris azulada da pel.
    Vómitos persistentes.
    Dificultade para espertar ou interactuar.
    Estar moi irritable.

Nos adultos:
    Dificultade para respirar ou dor no peito.
    Cor púrpura ou azul dos beizos.
    Ter vómitos e non poder reter os líquidos e ter signos de deshidratación, tales como mareos ao estar de pé, ausencia da micción.
    Ter convulsións.

Existen medicamentos para o tratamento da gripe?
Existen medicamentos que alivian os síntomas (febre, tose, dores musculares, etc). Evite o ácido acetil salicílico (aspirina) nos menores de 18 anos.
Os antibióticos non están indicados, por tratarse dun virus. Só son útiles, sempre baixo prescrición médica, no caso de producirse complicacións bacterianas.
Os coñecidos como antivirais só se empregan baixo prescrición médica e só para tratar ás persoas que teñen factores de risco.
Para a máxima efectividade deste tratamento, os antivirais deben tomarse canto antes desde a aparición dos síntomas.

Recorde que vacinarse todos os anos proporciona a mellor protección contra a gripe e as súas complicacións.


A nosa prioridade, a túa garantía
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Galicia o bo cambio